viernes, 8 de mayo de 2015

Dúas illas novas aparecen no Mar Vermello


Foron bautizadas como Sholan e Jadid e forman parte do arquipélago Zubair, composto por 10 illas volcánicas e varias rochas, ao sur do Mar Vermello, entre a costa de Iemen e o Corno de África. O nacemento destas dúas novas illas xurdidas no Mar Vermello foi recollido por varios satélites que orbitan arredor da Terra que conseguiron captar a formación rápida e de gran violencia destas novas illas volcánicas.

A investigación, a cargo dun equipo de científicos da Universidade Rei Abdullah de Ciencia e Tecnoloxía (Arabia Saudí) mostra que a rexión na que se encontran estes dous illotes é moito máis activa volcánicamente do que cría ata agora. A zona encóntrase precisamente enriba dunha dorsal oceánica que está sometida a unha intensa actividade volcánica e sísmica dende finais dos 70.

"Como as illas pertencen a Iemen e estaban fóra do noso alcance para poder realizar traballo de campo, decidimos usar imaxes de satélite así como os datos sísmicos para estudar a formación destas illas", explica Sigurjon Jonsson, coautor do estudo.

Así, combinando imaxes en alta resolución dos satélites xunto cos datos das emisións de dióxido de xofre captadas por instrumentos de monitorización do ozono, os científicos descubriron que os illotes se formaron moi rapidamente (o primeiro tardou só 25 días) tras a erupción do volcán submarino; posteriormente, ambas as dúas illas foron alimentadas por dúas fracturas cubertas de magma.

É bastante complicado observar o xurdimento de illas volcánicas, posto que á parte de que adoitan xurdir en zonas remotas do planeta, estes fenómenos adoitan acontecer a uns 3.000 ou 4.000 metros de profundidade e rara vez se acumula tanto magma como para que acaba sobresaíndo á superficie.

"Cando o magma se propaga a través da codia e alcanza a superficie, xera unha deformación que podemos medir nas illas veciñas utilizando unha técnica chamada interferometría, a partir de datos obtidos polo radar de satélites. Combinamos esas observacións coa actividade símica para analizar mellor todo o proceso volcánico", explican Wenbin Xu e Joel Ruch, coautores do estudo.

Os científicos elaboraron un modelo tridimensional do evento, recollido na revista Nature Communications

No hay comentarios:

Publicar un comentario