viernes, 29 de mayo de 2015

Devolven a memoria a ratos con amnesia


É posible devolver a memoria ás persoas que a perderon a causa da amnesia ou mesmo, indo máis lonxe, a pacientes coa enfermidade de Alzheimer? Estas posibilidades eran de todo improbables, ata agora. Un equipo de científicos liderado polo premio Nobel Susumu Tonegawa conseguiu avanzar neste obxectivo logrando con éxito devolver os recordos perdidos pola amnesia a un grupo de ratos de laboratorio.

No experimento, mediante a optogenética, unha técnica nacida da genómica e a óptica que permite activar e desactivar mediante luz diversos grupos de neuronas para así estudalas, os científicos induciron unha amnesia experimental a un grupo de ratos (mediante anisomicina) para poder comprobar se os recordos desaparecen ou permanecen ocultos no noso cerebro. Xa se conseguira anteriormente para borrar recordos, así que, por que non para recuperalos?

Así, os ratos foron expostos a unha situación que lles provocou medo (marcando xeneticamente as neuronas responsables para permitir a súa visualización e reactivación). Máis tarde, conseguiron que esquecesen tan mala experiencia. Logo, lograron que os ratos volvesen recordar a situación que lles produciu temor, confirmando que os recordos non se perden, senón que aqueles fragmentos de memoria esquecidos poden recuperarse mediante a activación de "engramas" da memoria, cambios bioquímicos e estruturais que son claves na formación dun recordo nos circuítos neuronais. Estes cambios son os que determinan e modifican a súa "forza", para permitirnos, ou, non recordar.

"A nosa conclusión é que na amnesia retrógrada, os recordos do pasado non poden ser borrados, senón que simplemente poderían estar inaccesibles. Estes resultados proporcionan unha impactante visión da natureza fugaz dos recordos, e estimularán a investigación futura sobre a bioloxía da memoria e a súa restauración na práctica clínica", explica Tonegawa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario